Síguenos en redes sociales:

O espírito musical de Códax

As cantigas do trovador percorren 700 anos de estilos musicais con sobresaliente cum laude

Viaje por el 'Pergamiño Vindel' con Cristina Pato

5

O concerto de onte "O Pergamiño Vindel: Unha viaxe musical", dirixido por Cristina Pato, ben merecería pasar ós anais da historia da música galega así como ós das Cantigas de Martín Códax. As razóns son varias. Primeiro, conseguiu que tódolos músicos e cantantes participantes (preto de medio cento) ofrecesen distintas visións musicais das cantigas do século XIII amosando interpretacións cercanas a como poderían sonar na época na que naceron; ademais de visións máis contemporáneas que abranguen dende o soul, o pop, a música máis clásica, o folk e o fenómeno coral.

A segunda razón vén polo formato, unha 'remasterización' do concerto didáctico, xa que no medio das interpretacións incluíronse pequenas entrevistas realizadas pola propia Pato ós músicos acerca dos arranxos que fixeron e sobre a musicalidade da obra de Códax e outras de maior duración ós profesores da Universidade de Vigo Camiño Noia e Bieito Arias Freixedo, que conseguiron achegar ó público a importancia das cantigas medievais, o seu significado e o máis que posible labor feminino na súa creación.

Este concerto de Nadal -que, por momentos, trasladaba ó espectador ó salón de estar de Cristina Pato, con dúas cadeiras e unha lámpada de pé sobre alfombra arabesca clásica, onde tiñan lugar as conversas no lateral esquerdo do escenario- percorreu as sete cantigas de Códax, incluida a que non presenta anotación musical no Pergamiño Vindel.

Pode sonar unha cantigas do século XIII a hit actual? Definitivamente, si, pero non agarden paralelismos con temas de trap. Pensen mellor nalgo máis sofisticado, máis dado á ser decantado e paladeado con tempo e tranquilidade pero sen aburrirse. Para corroboralo habería que estar onte alí, no teatro vigués, e disfrutar da voz de Wöyza entonando con aire soul "Eno sagrado en Vigo" acompañada por veces por Cristina Pato á gaita, nunha das mellores actuacións da noite.

Esa acrobacia musical supón, como ben apuntou no concerto Miguel Fariña (Martín Códax Grupo) unha demostración de que "o Pergamiño Vindel está vivo".

Non obstante, non se pode pensar que levar cancións medievais ós estilos actuais, incluido o jazz, sexa cousa doada. Por se había algunha dúbida, o zanfonista Anxo Pintos louvou na recta final do directo o traballo de Cristina Pato á hora de enfiar toda a compañía de músicos e as súas aportacións para sonaren todos como unha voz, aquela que fixo que chegaran as cantigas a nós.

Non obstante, o colofón foi unha apoteose co Coro da Mariña, dirixido por Ugia Pedreira e Pierrot Rougier. Ugia tivo un lugar primordial cun alegato en favor das mulleres, de Galicia e na defensa da natureza para salva-lo planeta.

Defensora do patrimonio cultural tamén se mostrou Pato; mentras que tamén foron as sobresalientes as aportacións de Camiño Noia recalcando que seguramente as cantigas de Martín Códax foron escritas tomando como fonte cancións de mulleres novas que as inventaron e cantaron no tempo de lecer ou traballo, ensinando nelas que tomaban a iniciativa no amor (no Medievo) dando grande importancia á natureza (de aí que foran buscar ó namorado ou cantaran dende espazos sagrados naturais). Estas cantigas do século XIII son totalmente contemporáneas. Como ben dixo Bieito Arias Freixedo, as cantigas de amigo son como as cancións de amor de "agora", ó falaren de sentimentos, de amor.

Pulsa para ver más contenido para ti