Síguenos en redes sociales:

Enchóupate no galego

O IES Laxeiro e o Concello de Lalín lanzan unha nova campaña para fomentar a lectura, desta volta centrada na lingua propia

Enchóupate no galego

As letras galegas están moi presentes no IES Laxeiro. Este centro educativo traballa continuamente para inculcarlle ao seu alumnado a importancia da lectura, algo que ata o de agora contaron co apoio da concellería de Cultura, liderada por Lara Rodríguez Peña, con diferentes campañas, unha no Nadal e outra de cara o verán. Onte a edil en funcións, xunto ao director do instituto, Uxío Grande, e a docente Gracia Santórum deron a coñecer unha nova campaña para fomentar a lectura e desta volta, incidir tamén na lectura en galego. De feito, esta era unha iniciativa que estaba pensada para ser lanzada no Día das Letras Galegas, pero non puido ser pola demora do material que se entregará.

Lapis, un set de gomas, un calendario... son só algúns dos obsequios que entregaron con motivo doutras iniciativas a prol da lectura e a estes súmanse agora bolígrafos e alfombrillas para o rato do ordenador. Nos bolígrafos de cor branca aparecen en letras negras Eu escribo en galego e nas alfrombras de distintas tonalidades pon O meu rato navega en galego. En total fixéronse 500 de cada agasallo e repartirase a metade entre os usuarios da biblioteca pública de Lalín. Por cada préstamo de tres libros en lingua galega, entregarase estes obsequios. "É moi importante facer fincapé na defensa da nosa lingua e na lectura das nosas letras, por iso na nosa biblioteca o alumnado que leve libros en galego levará eses agasallos", subraia Santórum. A campaña comeza hoxe. E pola experiencia coa que xa conta o instituto, sinalan que este tipo de iniciativas sempre ten unha gran acollida por parte dos máis novos.

"Foi un pracer todos estes anos levar a cabo estas actividades e agora hai esa inquedanza se van a continuar ou non, pero nós imos facer o posible para que sigan", indicou Uxío Grande, que agradece o apoio de Peña :"porque estes pequenos detalles, son dos que moitas veces a xente non se entera ou non valora, pero todo o centro che agradecemos todo o apoio con esta e con outras actividades e porque de pequenos detalles se fan as grandes cousas". Grande resaltou que todo tipo de campañas sempre teñen un gran valor para o alumnado. "Todas, de Cultura, de Igualdade, non teñen prezo", recalcou. Pola súa parte, Peña, tras explicar a campaña, tamén agradeceu o apoio recibido por parte do centro durante estes catros anos como concelleira.

"Sempre digo que é esencial a colaboración dos centros de ensino co Concello, como que os centros deben estar abertos á xente en xeral, e presumimos que o noso instituto e a nosa biblioteca está aberta para todos durante toda a tarde para que a ela pode acceder calquera persoa", apunta Santorum, que cre que este tipo de actividades "son o verdadeiro motor dos centros de ensino", polo que agradece á Peña por apoiala nas súas distintas propostas.

Pulsa para ver más contenido para ti