Charo Pena | O acento galego de ‘El caso Asunta’

“Candela, na sala do xuízo, xa non era ela, era Rosario”

“Marchou de aquí coa expresión ‘A ver, meu amor’, que sempre lle dicía a estilista que a peiteaba e con outras frases que mellor non mencionar, claro!”

Charo Pena e Rosa Moledo foron as dúas lingüistas que asumiron a aprendizaxe fonético dos actores e actrices de 'El caso Asunta'

Charo Pena, con Candela Peña nun momento da rodaxe.

Charo Pena, con Candela Peña nun momento da rodaxe. / NETFLIX/ MANUEL FERNÁNDEZ VALDÉS

Marta Clavero

Marta Clavero

Este venres, Netflix estrea a serie máis esperada do ano. Co bo facer de Bambú Producións (”Fariña”, “A Promesa”, Velvet”), “O caso Asunta” chega ao catálogo desta plataforma para relatar os feitos acaecidos na vida dunha familia galega, cuxo destino cambiou para sempre o 21 de setembro de 2013.

Ese día, apareceu o corpo sen vida de Asunta, unha nena adoptada de China desde ben meniña. Tiña 12 anos cando o seu cadáver foi achado nunha pista forestal de Teo, preto de Santiago de Compostela.

Tras frenéticas xornadas posteriores ao suceso, a investigación centrouse nos pais adoptivos que foron detidos e condenados polo crime da pequena.

Candela Peña e Tristán Ulloa métense na pel do exmatrimonio adoptivo despois dun arduo traballo de visionado, documentación e interiorización dos personaxes. Unha parte dese labor correu a cargo de Rosario Pena (Charo) e Rosa Moledo, as dúas lingüistas que asumiron a aprendizaxe fonético de todo o reparto de actores, fosen ou non galegos.

Un dos seus grandes retos centrouse na actriz catalá que en principio fora escollida para un papel secundario na produción. Pero Candela pediu facer unha proba para optar ao de protagonista. Tras varias negativas, logrou dúas semanas de marxe para preparar o personaxe que finalmente logrou.

“Tiven a sorte de que de que me axudasen as dúas lingüistas que había para todo o reparto, tanto Rosa como Charo. Para facer esta serie o equipo foi moi meticuloso con todos os actores para axuntar acentos”, declaraba Peña nunha entrevista concedida a FARO esta semana. Mulleres ás que alude en cada aparición promocional da serie, agradecida pola súa entrega e poñendo en valor a estreita relación que colleitaron (por exemplo, na entrevista de 'La Resistencia'; do minuto 14' ao 15' da ligazón de Youtube, embebido neste artigo, fai referencia a elas).

Da súa preparación lingüística e fonética, así como a do resto do elenco, falamos coa outra Rosario de “El caso Asunta”. Nada en Tabeirós (A Estrada), Charo Pena Torres xa tiña experiencia na preparación de actores, “pero de xeito particularizado”. Esta foi a súa primeira vez como parte dunha produción, “na que ademais traballei directamente na rodaxe.”

Charo Pena Torres foi, con Rosa Moledo, a adestradora de fonética galega para os actores.

Charo Pena Torres foi, con Rosa Moledo, a adestradora de fonética galega para os actores. / Cedida

–Descríbame en que consistiu o voso traballo cos actores da serie e como eran as clases

–Realmente o que Rosa e eu fixemos non foi dar clases de acento galego, senón contribuír cunha achega diversa, onde entra a adaptación do propio texto e a procura do mellor xeito de dicilo para cada situación. Rosa e eu compartimos todos os aspectos do proxecto desde o inicio, e as dúas fomos solucionando en cada momento o que nos era posible, tanto por tempos de produción como por dispoñibilidade dos actores e actrices. Para iso contamos desde o principio coa boa disposición da produtora Bambú e dos directores, Carlos Sedes e Jacobo Martinez.

–Tiveron que traballar con todos os actores -galegos e non galegos- un pouco para homoxeneizar o acento...

–Na dinámica de traballo foi fundamental a lectura interpretada do texto. No caso dos actores e actrices galegos, para nos asegurar de que non houbese hipercorrección. O feito de ter diante un texto en castelán para interpretar fai que, inconscientemente, corrixas acento, evites o teu xeito natural de falar e adoptes un acento non galego. Mesmo temos botado unhas risas a conta diso! A resposta de todos foi moi boa, cooperando e aportando.

Candela, Alicia, Tristán, Javier, Francesc... mellores “aprendedores” non se podían pedir. Mesmo María León, que, ao facer de andaluza non traballaba corrección, apuntábase ao carro: “Dime a mí algo!

Charo Pena

— Lingüista en "El caso Asunta"

–Supoño que aos non galegos, custoulles máis...

–Cos de fóra, o traballo foi máis intenso. Procuramos ter bastantes sesións individualizadas con cada un deles, ademais do que se facía no propio lugar de rodaxe. A base é ler, interpretar, matizar, repetir e fixar. Pero cadrar con persoas tan xenerosas e predispostas levou a que a rodaxe se desenvolvera nun ambiente moi agradable: Candela, Alicia, Tristán, Javier, Francesc... mellores “aprendedores” non se podían pedir. Mesmo María León, que, ao facer de andaluza non traballaba corrección, apuntábase ao carro: “Dime a mí algo!”

Tristán Ulloa, Cesc y Candela Peña, de cañas en Santiago, donde se rodó buena parte de la serie.

Tristán Ulloa, Cesc Orella e Candela Peña, de canas en Santiago, onde filmouse parte de la serie. / Instagram

–Con Candela e Tristán, como protagonistas, houbo maior adicación da vosa parte?

–De Rosario Porto e Alfonso Basterra existe moito material gravado, accesible para o público. Visionar esas horas de metraxe e intentar captar todos os matices como base para construír un personaxe é mérito exclusivo de Candela e Tristán.

–Falemos de Tristán. Sendo medio galego e residente fóra de Galicia, aínda mantiña a salvo ese acento da súa orixe ou tivo que traballalo moito?

–Él é un traballador e un perfeccionista de admirar. Sabíao todo sobre Basterra -vasco pero con moitísimos anos de residencia en Santiago- e o seu xeito de expresarse. A nivel de fala, gardaba moito doutros traballos previos, como a serie ‘Fariña’, e ademais adicaba moito tempo a aplicarse sobre a maneira de dicir que quería para o seu personaxe. A partir de aí fómonos centrando especificamente en esquecer os acentos particulares de castelán inherentes ao xeito propio de falar, sobre todo en Candela.

–Centrándonos en Candela (Rosario Porto), cal foi a dinámica das clases, canto tempo lle adicacou para que ela se fixera co acento e como foi o método de abórdalo?

–Lidar contra o que a un lle sae de xeito natural é complicado. Pero as curvas de entoación do castelán de Galicia e do castelán de fóra son ben diferentes, e houbo que traballalas. Pouco a pouco, frase por frase e ás veces mesmo palabras concretas.

–Que foi o que máis lle custou a Candela? Era boa alumna?

–Candela estaba sempre dicindo “casa” e “Alfonso”, e acompañábao dun xesto de baixar os brazos que significaba baixar os finais, ás veces ata os xeonllos!. Tamén ela sabía todo sobre Rosario Porto: miradas, silencios, xestualidade e frases. Ducias de frases.

–De fronte ao público, en entrevistas e aparicións, parece unha muller moi divertida e dicharachera... como foi para vostede traballar con ela?

–Como profesional, todo o mundo sabe da a súa valía. Durante a gravación da serie puidemos ver ademais que é unha persoa moi natural: divertida, simpática e comunicativa. Ten un xeito de expresarse alegre e sen restriccións que sempre provoca risas e algarabía. Pero tamén é moi empática e seria á hora de conversar sobre temas menos frívolos. Foi estupendo traballar con ela.

–Candela está a nomearvos (a Rosa e a vostede) en cada entrevista que está a dar para a promoción da serie. Dávos as grazas por axudala, e tamén destaca os lazos que creastes entre vós, no persoal. Vostede tamén sentiu esa conexión?

–Apenas quedamos fóra dos espazos laborais, pero tivemos unha relación estreita no persoal. Falamos de moitas cousas e apreciámonos. Unha compañeira entrañable.

– Ten interiorizado algunha expresión galega que agora utilice nese falar tan pavero que ten?

–Marchou de aquí coa expresión “A ver, meu amor” que sempre lle dicía a estilista que a peiteaba. E con outras frases que mellor non mencionar, claro...!

Candela na sala de maquillaxe e peiteado para a caracterización de Rosario Porto.

Candela Peña na sala de maquillaxe e peiteado para a caracterización de Rosario Porto. / Instagram

– Polo feito de ser catalá, foi máis doado ou máis dificil ensinarlle o acento galego?

– Quizais a circunstancia de criarse en Cataluña, onde se falan dous idiomas puido facilitar o feito de ter a mente aberta a outros acentos, igual que no caso de Francesc -outro traballador incansable- que interpreta o avogado de Rosario. Pero eu penso que se debe máis ao talento de cada quen e desde logo, ao esforzo que se lle dedique a conseguilo. Alicia Borrachero é un bo exemplo. Vaia profesional marabillosa!.

–Á marxe de que Candela é unha persoa moi alegre, o seu papel é bastante dramático, supoño que había momentos difíciles á hora de interpretar a Rosario Porto... que destacaría dese proceso, e da vosa achega como lingüistas na evolución do seu personaxe?

–Durante a rodaxe houbo momentos de sentimentos comprometidos, de moita sensibilidade. Percibíase claramente que o actor ou a actriz estaban dentro do personaxe e non quería permitirse o luxo de saír del. No caso de Candela na sala do xuízo, facíase duro ata de ver. Era Rosario, xa non era ela. E estaba sendo xulgada por un feito que ela teimou en negar ata o último día da súa vida.

–Quen foi o seu mellor alumno/a nesta serie?

–Foi unha sorte ver como Javier (Gutiérrez) construía un xuíz convencido da culpabilidade dos acusados. Penso que se percibirá moi positivamente o resultado do traballo de prosodia que fixo.

A preparación coa nena, Iris, foi moi especial. Estivera con nenos noutras ocasións, pero nesta circunstancia o reto era maior, porque Iris nin escoitara nunca galego nin castelán de Galicia, así que estaba agoniada co tema. Pero é unha rapaza espelida, responsable e moi traballadora

Charo Pena

— Lingüista en "El caso Asunta"

–E como foi traballar con Iris, a actriz que interpreta a Asunta?

–A preparación coa nena, Iris, foi moi especial. Estivera con nenos noutras ocasións, pero nesta circunstancia o reto era maior, porque Iris nin escoitara nunca galego nin castelán de Galicia, así que estaba agoniada co tema. Pero é unha rapaza espelida, responsable e moi traballadora. Atendía sen perder detalle, facía todo o posible por conseguír un resultado bo e inmediatamente quería melloralo. E sen deixar de sorrir nin unha vez! Paseino moi ben con ela... pedíame que lle imitara voces de personaxes de debuxos animados que coñecía e era un gusto vela escachar coa risa.

Charo Pena con la actriz que interpreta a Asunta.

Charo Pena coa a actriz que interpreta a Asunta. / Cedida

–O obxectivo é que o acento lles saíra o máis natural posible, e que non se vexa forzado... Cre que o espectador dará boa nota?

–Todos os actores e actrices foron “alumnos” estupendos. Rosa e eu quedamos moi satisfeitas, porque deron canto as circunstancias permitiron que deran, e sempre coa mellor das actitudes.

–Que lle aportóu como profesional este traballo, Charo?

–Durante a rodaxe da serie fíxose alí un equipo para non esquecer, tanto de persoal técnico como artístico, de verdade. Moi bos compañeiros.

–E no persoal?

–Compartir este proxecto con Candela, Alicia, Iris, María, Mela, Tristán, Javier, Francesc, Carlos, Xavier, Rubén... Foi unha experiencia moi grata e unha boa aprendizaxe, tanto no profesional como no persoal.

Suscríbete para seguir leyendo